Relatorio sobre as mulleres na Historia de Compostela enmarcada na G-Night (Noite europea das persoas investigadoras)

A Noite Europea das persoas Investigadoras é un proxecto de divulgación científica promovido pola Comisión Europea dentro do programa Horizonte 2020, que ten lugar simultaneamente en máis de 370 cidades europeas desde 2005. Nela realizaranse centos de actividades gratuítas nas que os investigadores e investigadoras achegarán á cidadanía dunha forma lúdica o seu traballo, os beneficios que achegan á sociedade e a súa repercusión na vida cotiá. Todo iso a través de experimentos, talleres, demostracións, experiencias, roteiros, representacións teatrais, monólogos e moitas actividades máis.
O Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (IEGPS) participa cun relatorio dirixido ao público xeral titulado “As mulleres na Historia de Compostela: borrando un esquecemento” (https://gnight.gal/as-mulleres-na-historia-de-compostela-borrando-un-esquecemento). O obxectivo desta actividade é divulgar os coñecementos que os historiadores adquiriron sobre o tema nos últimos tempos por medio dunha exposición que aspira a ser, sobre todo, interactiva e non marcada por unha exposición académica. Por medio do diálogo directo cos asistentes procurarase dar as claves sobre a pegada histórica da mulleres en relación coa cidade de Santiago.
Terá lugar nas instalacións do IEGPS (Rúa de San Roque, nº 2, Santiago de Compostela) o vindeiro venres, 30 de setembro, ás 19.30h.

Ver video

Scroll to Top