Quinta sesión do "III ciclo de webinarios divulgativos do IEGPS: vidas medievais en Galicia"

Inscrición previa en https://forms.gle/SvTP7NEuMXgb6JTFA

O vindeiro mércores, 24 de maio, terá lugar no IEGPS a quinta sesión do III Ciclo de webinarios divulgativos do IEGPS: vidas medievais en Galicia, titulada “As doas e as voces dá lírica profana galego-portuguesa” que será impartida por Leticia Eirín García (UDC).
Leticia Eirín é profesora da Área de Filoloxías Galega e Portuguesa da Universidade da Coruña, onde tamén se doutorou no ano 2012 cunha tese titulada “A tópica da visión e o amor trobadoresco nas cantigas de amor de Don Denis”.
A súa actividade investigadora está centrada na literatura medieval galego-portuguesa. De entre as súas publicacións destaca a edición da obra teatral Auto chamado dos Enfatriões, de Luís de Camões (Biblioteca-Arquivo Teatral Francisco Pillado Mayor, 2008), O cancioneiro de Pero Mafaldo. Edición crítica (Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, 2014), en colaboración con Manuel Ferreiro, ou A visión do amor no cancioneiro de Don Denis. Estudo e edición de 33 cantigas de amor (Edicións Laiovento, 2015). 
Fai parte do proxecto Universo Cantigas, que ten como obxectivo realizar a edición crítica dixital da lírica profana galego-portuguesa (http://universocantigas.gal), e que tivo como antecedente o Glosario da poesía medieval profana galego-portuguesa, agora xa integrado en Universo Cantigas.
No webinario tratarase a omnipresencia da figura da muller nos tres xéneros canónicos da literatura profana medieval galego-portuguesa –cantiga de amor, cantiga de amigo e cantiga de escarnio e maldicer–, a pesar da inexistencia de textos de autoría feminina. Tamén se recollerán os estudos de especialistas que avogan por unha relectura das cantigas desde unha perspectiva xenérica ou, entre outros, cal é a visión da muller medieval desde a actualidade e os factores que condicionaron esa percepción.

Inscrición previa no seguinte formulario (https://forms.gle/SvTP7NEuMXgb6JTFA)

Scroll to Top