Inauguración da exposición “Os nosos castelos: Castro de Ouro e o mariscal Pardo de Cela”

O 25 de novembro, ás 17.00 horas, inaugurarase no castelo de Castro de Ouro (Alfoz) a exposición “Os nosos castelos: Castro de Ouro e o mariscal Pardo de Cela”. Promovida polo Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (IEGPS) coa colaboración do Concello de Alfoz, está comisariada por Eduardo Pardo de Guevara e Valdés, profesor “ad honorem” do CSIC, e conta co patrocinio da Axencia Galega de Turismo.
A exposición está formada por unha serie de paneis interactivos sobre o castelo, o mariscal Pardo de Cela e a súa liñaxe, as súas propiedades, así como o seu impacto cultural. Conta, ademais, cun vídeo sobre a figura do mariscal Pardo de Cela e diversos lugares vinculados a el, así como, coa exposición dos 70 debuxos de escolares da zona que participaron no concurso “Debuxando os nosos castelos”.
O acto inaugural iniciarase cunha conferencia impartida por Eduardo Pardo de Guevara seguida da entrega de galardóns aos premiados no concurso de debuxo. Previamente, en horario de mañá e nos propios centros escolares, impartiranse 6 talleres de heráldica entre os alumnos de 3º e 6º de Primaria para que o alumnado deseñe o seu propio escudo familiar.
A exposición permanecerá aberta ao público ata o 22 de decembro. O horario de visitas, gratuítas, será os venres, sábados e domingos, de 11:30 horas a 19:00 horas, fóra das festividades de Nadal e Aninovo.

Scroll to Top